
A música de preto de 50 gaiteiros, pandereteiros, ou acordeonistas chegados de toda Galicia, Asturias e León encherá de sons e alegría este sábado, 16 de agosto, o campo da festa de Quintá de Cancelada. A parroquia de Becerreá organizará a quinta Festa da Gaita, que se ten convertido nunha «auténtica celebración do folclore popular galego», como subliña a organización. A cita arrincará ás doce da mañá cunha misa campestre antes da sesión vermú e un xantar popular a base de churrasco e produtos da zona.
Para a tarde queda o prato forte, durante o que se renderá homenaxe ao gaiteiro Manuel López, de 80 anos, o único músico que queda vivo de Monel, un grupo que outrora foi imprescindible nas festas da zona. «Toca desde moi novo e aprendeu oído, indo coas ovellas e con pallas de centeo», comenta Chema Álvarez, un dos impulsores. Engade que «nun momento da súa vida, por enfermidade, deixou de tocar a gaita, pero con case 50 anos volveu e aínda hoxe segue tocando e mostrando en moitos lugares o seu estilo propio, que aprecian moito os gaiteiros porque el non ten coñecementos de música». Pola noite, logo dunha cea popular, haberá verbena con Las Amazonas.
Marcha de BTT
Como complemento á festa gaiteira, pola mañá, desde as nove, terá lugar a segunda marcha cicloturista Quintá Dorsal Xtreme. Serán 30 quilómetros nun percorrido circular de dificultade alta. A inscrición custa 15 euros.

No hay comentarios:
Publicar un comentario